GRAZAS E ATA PRONTO | Virandeira, 2010-2020

Na primavera do ano 2010, un grupo de tolas e tolos botaba a andar no barrio vigués de Zamáns cun proxecto musical con sabor galego: Virandeira. As asociacións culturais de Vigo e arredores foron as primeiras en dar unha oportunidade a esta xente que, sobre todo, quería pasalo ben. Non tardaron en chegar as actuacións en locais, festivais e as viaxes en furgoneta dentro e fóra de Galicia.

 

Esas viaxes levaron ao grupo a descubrirse así mesmo e a vivir experiencias que tornaron en camiños cara novas inquedanzas musicais. Se algo caracterizou a este humilde grupo dende os seus primeiros pasos foi a vontade de evolucionar, de abrazar sempre o cambio na procura de novas cotas.

 

Nesa incrible viaxe que vivemos, o son acústico coñeceu ao eléctrico, a sonoridade da nosa terra ás influenzas da música celta e o rock, a gaita e a frauta á guitarra e o baixo eléctricos… Unha fermosa historia de metamorfose que levounos ata onde estamos agora, nun proxecto que recorda as súas orixes con moito, moito cariño, pero tamén distancia. A eiruga é agora unha bolboreta que quere voar.

 

Si, virandeiros e virandeiras. Chega o momento de dicir adeus. Logo dunha década, o grupo escribe o punto final da súa historia na procura dalgo novo. Non esteades tristes, nós non o estamos, porque levámonos unha chea de recordos e de experiencias que fixéronnos mellores.

 

Non podemos dicir adeus sen expresar o noso agradecemento a tódalas persoas que formaron parte desta familia: antigos compoñentes, compañeiros de afección e profesión, lugares e xente que confiaron en nós, as nosas familias e amigos… e por suposto, vós. Moitísimas grazas a todos os que durante estes anos tivestes a xenerosidade de prestarnos os vosos ouvidos e corazóns para compartir con vós os nosos “sons do atlántico” e “metamorfoses”, a nosa música.

 

Que nos deparará o mañá? Sabe deus! Mentres o descubrimos, non deixedes de celebrar cada día das vosas vidas coma se estivésedes nun dos nosos concertos, con moito folk, rock e, sobre todo… LUME!